Ticker

6/recent/ticker-posts

Ad Code

Responsive Advertisement

Sacyr tenta fuxir das súas responsabilidades sobre a mina de San Finx

  • Hoxe anunciouse a venda dos activos a unha empresa opaca con sede en Australia, Biscay Minerals Ltd., como vía de escape ás responsabilidades ambientais.
  • Ecoloxistas en Acción demanda impor un aval de 20 millóns de euros, unha vez que o actual, de apenas 178 mil euros, é irrisorio á vista dos pasivos ambientais existentes.

Ecoloxistas en Acción ven de dirixir escritos ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, así como ao Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Industria e ás conselleiras de infraestruturas, medio ambiente e mar, alertando de que hoxe mesmo a empresa australiana Rafaella Resources anunciaba a adquisición da mina de San Finx a través dunha filial opaca, Biscay Minerals Ltd.

Reclámalle ao Consello da Xunta que impoña a Valoriza Minería un aval ambiental de como mínimo 20 millóns de euros en cumprimento da Lei de Responsabilidade Ambiental, unha vez que tanto a restauración da zona afectada polas presas de residuos mineiros como o tratamento a perpetuidade das drenaxes ácidas de mina que contaminarían a ría non poden ser asumidos co irrisorio aval de 178 mil euros imposto pola Xunta.

A transacción, denuncia o colectivo ecoloxista, é parte dunha estratexia de Valoriza Minería, filial do Grupo Sacyr, para desfacerse dunha explotación ruinosa e ambientalmente inviable, e dese xeito non ter que asumir os enormes pasivos ambientais que afloraron nos últimos anos. Xusto en decembro pasado sometíanse a exposición pública tanto un proxecto de vertidos como un proxecto de retirada de residuos mineiros das presas abandonadas, en ambos casos deficientes e que, de chegar executarse, implicarían a inxección de elevadas concentracións de metais pesados á ría de Muros e Noia. As consecuencias multimillonarias de implicar o peche de bancos marisqueiros sería o peor pesadelo de Sacyr, que agora se quere desfacer do problema.

A transmisión de 2015 apoiada no capital de Sacyr

O 31 de xullo de 2015 o Consello da Xunta daba conta da iniciativa de Sacyr para reactivar San Finx, cun investimento de 10 millóns de euros e a creación de 60 postos de traballo, a pesar de que o proxecto vixente apenas contemplaba 12. A transmisión de dereitos mineiros desde a anterior concesionaria, en concurso de acredores, foi aprobada polo ex-Director Xeral de Minas Ángel Bernardo Tahoces, baixo as premisas dun informe técnico do entón enxeñeiro da Xunta responsable pola supervisión da mina no que indicaba que a capacidade económica e técnica de Valoriza “supera as necesidades de inversión do proxecto mineiro”.

Ambos encóntranse actualmente imputados por un presunto delito de falsedade en documento pública e deberán declarar a finais de xaneiro e principios de febreiro ante os Xulgados de Santiago, precisamente por tentar ocultar os pasivos ambientais da mina en diversos documentos e informes. O mesmo enxeñeiro da Xunta chegara a afirmar que as presas de residuos mineiros eran “irrefutablemente” presas “hidroeléctricas”, de modo que a súa restauración fose asumida por Augas de Galicia e non pola empresa mineira.

O novo titular: un conglomerado opaco con sedes en paraísos fiscais

As empresas australianas ás que Sacyr confiou a desfeita de San Finx son parte dun conglomerado opaco con sede en Hong Kong e nas Illas Virxes Británicas, desde onde operan mediante filiais en distintos países. As dúas empresas australianas que anunciaron a adquisición, Rafaella Resources e Biscay Minerals, están de feito controladas por Starboard Global Ltd., unha compañía establecida nas Illas Virxes Británicas con oficinas en Hong Kong, en ambos os casos paraísos fiscais con lexislación mercantil que impide a transparecencia e así coñecer os titulares reais das empresas.

Startboard Global, que tamén adquiriu en 2018 a mina de Varilongo (en Santa Comba), mediante outra empresa con sede en Hong Kong, Starboard GTT Holdings Ltd., está especializada na monetización de operacións mineiras usando estratexias de cotización pola porta traseira (“back-door listing”), polas que adquire empresas cotizadas de modo a evitar os requisitos dos reguladores bursátiles para conseguir entrar nos mercados.

Estes antecedentes fan improbable que a nova propietaria poida ou queira asumir as responsabilidades ambientais da mina de San Finx, que ameaza en converterse nun novo Monte Neme, mina abandonada á súa sorte e que precisamente está sendo obxecto doutro proceso xudicial contra os funcionarios da Xunta que permitiron que a empresa se fose desa explotación de estaño e volframio sen restaurar.

Startboard Global está implicada en ducias de proxectos de dubidosa reputación, incluíndo proxectos de extracción de carbón, ouro, cobre e petróleo en Mongolia a través de Haranga Resources Ltd e Haranga Khuder LLC, empresa expulsada da bolsa australiana en 2020 por incumprimentos legais, ou a propia mina de Varilongo en Santa Comba, sobre a que Augas de Galicia mantén un procedemento sancionador por vertidos e contra a que se ven seguindo un proceso penal por presuntos delitos contra o medio ambiente.

Anuncio de adquisición da Mina de San Finx: archivo pdf 876 KB.

Carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo

Asunto: Tentativa de abandono da Mina de San Finx por parte de Valoriza Minería (Sacyr) e necesidade de impor avais medioambientais conforme á Lei 26/2007 de Responsabilidade Ambiental e á Lei 22/1973 de Minas

Estimado Sr. Presidente

Era un segredo a voces que o Grupo Sacyr, propietario da Mina de San Finx mediante a súa filial Valoriza Minería (á vez propietaria do 100 % de Tungsten San Finx S.L.), pretendía desde 2019 desfacerse dos seus activos, ante a inviabilidade ambiental e económica da explotación.

Permítame lembrarlle como o 31 de xullo de 2015 o Consello da Xunta, presidido por Vostede, daba conta da iniciativa de Sacyr para reactivar San Finx, cun investimento de 10 millóns de euros e a creación de 60 postos de traballo, a pesar de que o proxecto vixente apenas contemplaba 12 e que no informe de transmisión a cifra de investimento non chegaba aos 5 millóns, incluíndo a propia adquisición concursal da mina.

A transmisión de dereitos mineiros desde a anterior concesionaria, en concurso de acredores, foi aprobada polo ex-Director Xeral de Minas Ángel Bernardo Tahoces, baixo as premisas dun informe técnico do entón funcionario e enxeñeiro da Xunta responsable da supervisión da mina, o Sr. Recuna Carrasco, no que indicaba que a capacidade económica e técnica de Valoriza “supera as necesidades de inversión do proxecto”.

En dito informe de 2015, a pesar de que na altura Tungsten San Finx S.L. tiña un capital social de só 3.000 euros (actualmente é de 106.000 euros), o Sr. Recuna Carrasco facía alusión explícita da solvencia técnica e económica do grupo, baseada tanto no número de enxeñeiros e currículum do persoal de Valoriza Minería como no seu capital social de 199 millóns de euros. O resultado desta análise foi considerar suficiente a Tungsten San Finx S.L. para cubrir as necesidades de inversión do proxecto, así como subrogar a esta mercantil no aval económico previsto na Lei de Minas a un ridículo nivel de 178.000 euros.

A insuficiencia deste aval foi posta de manifesto en diversas ocasións en procedementos administrativos que afectan á mina de San Finx, e confirmada neses mesmos procedementos nos que se lle está a esixir a Tungsten San Finx S.L. responsabilidades ambientais que xa representan varios millóns de euros de custo: a restauración do Domínio Público Hidráulico (AG/RESTDPH/1/20) derivada das presas de residuos mineiros colmatadas e a instalación dunha planta de tratamento de augas ácidas de mina actualmente vertidas ilegalmente á Ría de Muros e Noia (DH.V15.54967); o que representa só unha fracción das súas responsabilidades ambientais na medida en que nin a actividade nin os diversos e fraccionados proxectos foron nunca sometidos a unha avaliación de impacto ambiental, a pesar dos informes nese sentido da propia Xunta.

Hoxe, 4 de xaneiro de 2021, fíxose público1 que o Grupo Sacyr, a través dunha descoñecida socidade limitada sediada en Australia (Biscay Minerals Ltd), 100% pertencente á cotizada australiana Rafaella Resources Limited (unha empresa carente de calquera actividade mineira extractiva real en todo o planeta), pretende eludir as súas responsabilidades no desastre ambiental de San Finx simulando unha venda do capital social de Tungsten San Finx S.L. á australiana Biscay Minerals Ltd.

A empresa australiana Rafaella Resources Ltd. anunciou a súa “adquisición de baixo custo” da mina de San Finx mediante un acordo que non subscribiu nin a propia matriz nin a súa filial española Galicia Tin & Tunsgten S.L., se non outra filial opaca, Biscay Minerals Ltd., que se pretende utilizar como empresa pantasma estranxeira para tentar eludir as responsabilidades legais millonairas do ata agora titular mineiro, do mesmo xeito que aconteceu no caso de Monte Neme e outros tantos máis, con total pasividade e connivencia da Xunta.

Permítame informalo que Rafaella Resources é unha empresa controlada por Starboard Global Ltd., compañía rexistrada nas Illas Virxes Británicas e con oficinas en Hong Kong, ambos os dous paraísos fiscais con lexislación mercantil que impide a transparecencia mercantil e así coñecer os titulares reais das empresas, o que precisamente os fai atractivos para criminais de todo o mundo, e xogadas de evasión como esta que se pretende respecto á mina de San Finx.

Startboard Global, que tamén adquiriu en 2018 a mina de Varilongo, en Santa Comba, mediante outra empresa con sede en Hong Kong, Starboard GTT Holdings Ltd., está especializada na monetización de operacións mineiras usando estratexias de cotización pola porta traseira (“back-door listing”), mediante as que adquire empresas que cotizan en bolsa co obxectivo de operar baixo o seu nome esquivando así os requisitos dos reguladores bursátiles para novas incorporacións aos mercados.

Startboard Global está implicada en ducias de proxectos de dubidosa reputación. En 2020 a bolsa australiana expulsou a outra das dúas filiais, Haranga Resources Ltd. dedicada á extracción de carbón, ouro cobre e petróleo en Mongolia, por incumprir a lexislación bursátil, mentres que as realidades do seu “proxecto insignia”, a mina de Varilongo, xa son ben coñecidas polos Letrados da Xunta de Galicia quenes, incompresiblemente, continúan exercendo a defensa de diversos funcionarios e altos cargos da Xunta de Galicia investigados por prevaricación, no lugar de se dedicaren á defensa do interese xeral nas causas abertas en relación a dita mina.

Estes antecedentes fan improbable que a nova propietaria veña (ou poida) asumir as responsabilidades inerentes á explotación dunha mina como a de San Finx. Menos aínda poderá asumir as indemnizacións que implicaría o peche dos bancos marisqueiros da ría de Muros-Noia no caso de que algún día veña a autorizarse o desaugue e vertido das plantas inundadas da mina co proxecto actualmente en trámite en Augas de Galicia, e que, de ser aprobado, garantiría a continuidade da contaminación das augas do río e da ría por metais pesados, como quedou evidenciado durante o trámite de información pública que finalizou en decembro pasado.

Ante todo o anterior, é extremadamente urxente que os diversos organismos da Xunta de Galicia con responsabilidades substantivas requiran unha nova garantia financeira ao titular mineiro e ás sua matriz dando cumprimento ao establecido na Lei 26/2007, de 23 de outubro, de Responsabilidad Medioambiental. Isto debe incluir non só os custos de restauración das zonas afectadas pola actividade mineira, en particular das presas de residuos n.º 1 e n.º 2, senón tamén as potenciais indemnizacións multimillonarias polo peche dos bancos de marisqueo, que para ameixa e berberecho xeraron entre 2017 e 2019 unhas vendas anuais media de 14,3 millóns de euros na lonxa de Noia.

Tamén é necesario que, na medida en que a transmisión de dereitos minerios en 2015 se supeditou á capacidade técnica e financiera da matriz Valoriza Mineria S.L., o órgano mineiro revise a existencia de solvencia técnica e económica e a viabilidade do programa de financiamento unha vez que se pretende que a matriz de Tungsten San Finx S.L. pase a ser a australiana Biscay Minerals Ltd., sen capacidade económica algunha. Polo mesmo motivo, debe procederse urxentemente a un incremento millonario do actual aval de 178.000 euros de xeito solidario para Valoriza Mineria S.L. e Biscay Minerals Ltd. que permita garantir dita solvencia económica. É preciso recalcar, á vista das contas anuais que son públicas, que Tungsten San Finx S.L. seria unha empresa en quebra sen o garante financeiro da sua matriz Valoriza Minería S.L.

Pedímoslle, en síntese, que non sexa cómplice da actual tentativa dun dos grandes capitais españois de escapar das súas responsabilidades ambientais e de restauración nos pasivos ambientais da mina de San Finx, o que inivitablemente devirá en que sexa o erario público o que deba asumir eses custos multimillonarios. E pedímosllo directamente como responsable do executivo, porque a actuación dos seus conselleiros nos últimos meses parecen estar dirixidas claramente a ese fin.

Como probablemente saiba, desde xullo do pasado ano varios dos máximos responsables e altos cargos do seu goberno veñen convocando a sucesivas reunións ás confrarías de pescadores da ría de Muros e Noia, para tentar (sen moito éxito á vista das recentes alegacións) que esas institucións de dereito público e os millares de persoas que representan non se opoñan á autorización de vertidos solicitada por Tungsten San Finx e que ilegalmente está a tramitar Augas de Galicia desde 2016.

En 26/07/2021 participaron dunha primeira reunión o Sr. Vicepresidente Segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, a Sra. Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, a Sra. Conselleira do Mar, xunto coa Sra. Directora de Augas de Galicia, a Sra. Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e a Sra. Directora do INTECMAR. Sucedéronse novas reunións con participación de altos cargos da Xunta de Galicia en 10/09/2021, desa volta nas propias instalacións da mina e con persoal da empresa, e en 17/11/2021, esta última iniciado xa o trámite de información pública da autorización de vertidos e do procedemento relativo ás presas de residuos mineiros.

Dirixímonos directamente a Vostede, á vista da inacción e connivencia dos máximos responsables dos distintos departamentos da Xunta nos últimos anos e, particularmente, atendendo ás manifestacións realizadas por diversos funcionarios e altos cargos durante esas recentes reunións. Na última da que se ten constancia, de 17/11/2021, participou directamente o Xefe do Servizo de Enerxía e Minas da Coruña que, como sabe, se encontra imputado por presuntos delitos de falsedade en documento público relativos ás minas de San Finx e que, polo tanto, está incurso en causa de abstención, xa sendo significativa a súa mera presenza en reunións deste tipo.

A efectos de que entenda o enfoque e evidente propósito destas reunións, permítanos citar as palabras deste Xefe de Servizo na reunión celebrada en 17/11/2021: “Hay que tener en cuenta que lo que hay, sale por ahí, se le llaman augas industriales legalmente, pero realmente son aguas subterráneas, o sea, lo que entra ahí es agua de lluvia que ha estado en contacto con el mineral. Pero, realmente, es, básicamente, agua de lluvia que está, que sale por la mina. Eso se está comportando como un manantial, un manantial de aguas que si fueran un manantial natural, serían aguas minerales, e incluso algunas hasta minero-medicinales. Hay aguas embotelladas en Galicia que tienen contenidos en metales mayores que el agua que se va a permitir salir. Quiero deciros que esto son básicamente aguas de lluvia infiltradas y que salen como si fuera un manantial, pero que con la legislación actual, tienen que tener un tratamiento. Si fuera un manantial natural, saldrían tal cual y saldrían con esa cantidad de metales. Lo vuelvo a decir: no es que dentro se le añada para la explotación, se le añada cualquier producto.”

Estas manifestacións foron proferidas co asentimento dos restantes altos cargos presentes, e claramente orientadas a encubrir as conductas administrativas anteriores en relación á mina de San Finx e a combatir a oposición social frente a unha eventual aprobación do enésimo proxecto de tratamento presentado pola concesionaria mineira: “Todo lo que hagamos a partir de ahora, desde bueno, lo que se viene haciendo desde los últimos 10 años, o 12 años, y todo lo que hagamos siempre va a ser: consecuencia, mejorar la calidad de las aguas.”

Pero en calquera caso, con recoñecemento explícito da plena consciencia da situación de ilegalidade, a pesar da pasividade administrativa frente á mesma, incluíndo en relación ao cobro do canon de control de vertidos, que ascende a máis de 30 millóns de euros, que deben ser reclamados a Tungsten San Finx, á marxe das responsabilidades dos propios funcionarios e altos cargos actuantes. Sirvan de exemplo as palabras nesa mesma reunión da funcionaria de Augas de Galicia tramitadora do expediente administrativo de verteduras: “A auga agora mesmo está saíndo, está saíndo con concentracións que non cumplen. Está saíndo con metais. Leva saíndo moito tempo.”

Esta inaudita falta de neutralidade de determinados funcionarios e altos cargos da Xunta de Galicia debe ser posta en contexto do condicionante imposto pola australiana Startboard Global na compravenda de Tungsten San Finx S.L. anunciada hoxe: que Valoriza Mineria asumiría plenamente todos os custos de restauración no caso de que non se aprobe a autorización de vertido.

Confiando no seu bo criterio, solicitámoslle que adopte todas as medidas necesarias para impedir a ilegal elusión de responsabilidades ambientais que se pretende. Pedímoslle quese cumpra a legalidade, que se impoñan as necesarias garantías financeiras incluindo ao grupo Sacyr con carácter solidario, e que inicie as auditorías internas e procedementos disciplinarios necesarios para avaliar a participación dos funcionarios e altos cargos da Xunta e Galicia na situación de ilegalidade da mina de San Finx, en particular daqueles que durante o último ano veñen facilitando a oscura manobra que hoxe se fai pública e que compromete o futuro de toda unha ría.

Se calquera suceso racionalmente posible, como pode ser unha eventual rotura das presas de residuos mineiros ou a ineficaz xestión dos residuos que conteñen, o baleirado das plantas inundadas da mina e o vertido de millóns de metros cúbicos de achiques de mina en ausencia de tratamento eficaz, ou ou abandono da explotación sen un plan de peche e clausura que asuma o conxunto de problemas ambientais da explotación, implicase a paralización da actividade marisqueira na ría durante só 10 anos (periodo posible no que a contaminación por metais pesados podería impedir o consumo), o aval ambiental só no correspondente ao volume de vendas na lonxa de Noia debería alcanzar 143 millóns de euros.

La entrada Sacyr tenta fuxir das súas responsabilidades sobre a mina de San Finx aparece primero en Ecologistas en Acción.

Enregistrer un commentaire

0 Commentaires