Ticker

6/recent/ticker-posts

Ad Code

Responsive Advertisement

Os datos de Tráfico non xustifican a ampliación da autoestrada Santiado – A Estrada

  • A baixada do tráfico fai aínda máis innecesaria a ampliación da autovía AG-59.
  • O impacto territorial e climático xustifican unha declaración de impacto ambiental negativa.
  • Non se poden malgastar  50 millóns de euros nun proxecto superfluo sen demanda social.

(Santiago, 27 de setembro de 2021). Ante a próxima aprobación da declaración de impacto ambiental, Ecoloxistas en Acción de Santiago reitera a súa oposición frontal á ampliación da autovía Santiago-A Estrada (AG-59), promovida pola Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade (CIM) da Xunta.  A súa execución sería tan impactante como innecesaria, máis aínda nun contexto de descenso do tráfico e de redución das peaxes na AP-9.

A posta en servizo da autovía AG-59 foi un exemplo máis de como as estradas de alta capacidade inducen un aumento do tráfico e, polo tanto, das emisións de dióxido de carbono (CO2) causantes da crise climática. No treito da autovía xa construído, entre Santiago e A Ramallosa (Teo), o tráfico aumentou un 50 % entre 2009 e 2019, ao tempo que no mesmo traxecto pola estrada convencional AC-841 pouco diminuíu.

Porén, os datos para 2020, marcados polas restricións da mobilidade derivadas da COVID-19, amosan un claro descenso do tráfico que fai aínda menos necesario, e desde logo nada urxente, construír un novo treito de 7,5 km da autovía que apenas aforraría cinco minutos. A caída do tráfico, tanto na autovía como no treito de estrada convencional ao que complementaría a ampliación, foi  dun 20 % durante 2020.

O tráfico no tramo de estrada convencional que atravesa Pontevea, ao que complementaría a ampliación proxectada da autovía AG-59, nunca atinxiu até hoxe o baixo limiar de 10.000 vehículos/día que se autoimpuxo a Xunta para desdobrar en autovía o corredor Brión-Noia. En 2020 baixou a 7.870 e neste ano todo apunta a que volverá situarse ben abaixo dos 10.000.

Aínda que non está entre os obxectivos da Xunta o decrecemento do tráfico e a redución drástica das súas emisións de CO2, parece seguro que o tráfico no treito afectado pola nova ampliación non vai xustificar nunca a construción dunha autovía. A iso contribuirá a tendencia xeral ao encarecemento  do transporte privado por estrada e mesmo os  descontos  nas peaxes da AP-9, que poden diminuír o número de vehículos que atravesan Pontevea para se desprazaren entre Santiago e Caldas de Reis-Vilagarcía usando como atallo a  estrada EP-8401 (Portela-O Souto de Vea).

A declaración de impacto ambiental da ampliación da autovía AG-59, cuxa aprobación semella próxima, debería ter en conta a pegada de carbono asociada ao proxecto e valorar adecuadamente os cuantiosos danos socioambientais que causaría no territorio afectado. Entre eles destacan a afección ao espazo da Rede Natura 2000 “Sistema fluvial Ulla-Deza”, a destrución irreversible de solos de valor agrario, o incremento da contaminación atmosférica e acústica ou a deterioración da paisaxe, inclusive na contorna da Burga de Pontevea, un espazo de interese recreativo á beira do río Ulla moi visitado.

Nun contexto de emerxencia ecolóxica e social sería un disparate enterrar en asfalto 48 millóns de euros de diñeiro público na construción duns quilómetros máis dunha “autovía de cambio climático” que a maioría social non demanda ou non considera prioritaria.

Datos de tráfico na autovía AG-59 e no punto de medición de tráfico Pontevea Sur, segundo as Memorias de tráfico da Rede Autonómica de Estradas de Galicia.

 

 

La entrada Os datos de Tráfico non xustifican a ampliación da autoestrada Santiado – A Estrada aparece primero en Ecologistas en Acción.

Enregistrer un commentaire

0 Commentaires