- Ecoloxistas en Acción demandou á Autoridade Portuaria de Vigo e á Dirección Xeral de Costas e o Mar (MITERD) a xustificación da motivación deste novo recheo na ría de Vigo e a valoración do seu impacto ambiental.
- A organización ecoloxista expresa o seu rexeitamento a esta innecesaria e inxustificada actuación que ven a sumarse aos 3 millóns m2 ocupados na ría de Vigo mediante recheos.
Ecoloxistas en Acción denuncia a inxustificada actuación da Autoridade Portuaria de Vigo no pantalán número 2 da dársena de Bouzas-Berbés. Un novo recheo que ocupará 8.300 m2 de lámina de auga e que prexudicará seriamente á rexeneración natural do mar, afectando á pesca e marisqueo, ademais do seu impacto visual.
A organización ecoloxista sinala que xa se levan ocupados 3 millóns de m2 da ría de Vigo mediante recheos e a Autoridade Portuaria pretende xustificar esta actuación por falta de espazo. Aseguran que a suposta falta de espazo non xustifica este novo recheo, xa que unha boa parte das instalacións portuarias están sendo utilizadas para almacenaxe ou outras actividades non propias da pesca. Para habilitar o espazo que se demanda é necesario o traslado destas actividades a outros espazos máis axeitados como a Plataforma Loxística de Salvaterra, parque empresarial do que é propietaria en parte a propia Autoridade Portuaria.
Ademais lembran que o Porto de Vigo ten a Delimitación do Espazo e Uso Portuario (DEUP) anulada xudicialmente e que a nova DEUP está aínda en estudo e sen resolver as multiples alegacións cursadas rexeitando novos recheos.
«Pedimos á Autoridade Portuaria de Vigo que se sume ao consenso da cidade de Vigo en contra de máis recheos e que desbote para sempre este tipo de obras tan prexudiciais para a nosa ría» solicita Javier Fernández, voceiro de Ecoloxistas en Acción Vigo.
La entrada Solicitan a paralización do recheo dun pantalán da dársena de Bouzas-Berbés en Vigo aparece primero en Ecologistas en Acción.
0 Commentaires