- Ecoloxistas en Acción participa na presentación no Congreso da reforma da lei de minas española. Unha reforma impulsada por Unidas Podemos e da que a organización ecoloxista foi promotora.
- A organización ecoloxista insta as forzas políticas con sensibilidade ambiental a apoiar esta reforma e a fomentar a minería urbana como fonte alternativa á extracción.
A actual lei de minas española é herdada da ditadura franquista. Unha lei redactada en 1973 co afán de fomentar as actividades extractivas sen que estea presente o debido coidado do medio ambiente. A pesar da adhesión de España á Unión Europea non se adoptaron ata o de agora modificacións que harmonizasen esta lei coas normativas comunitarias de protección ambiental.
A modificación da lei promovida por Ecoloxistas en Acción incorpora á normativa vixente os principios comunitarios de protección ambiental, como son os principios de cautela prevención ou a corrección dos atentados ao medio ambiente. Ademais adecúanse as vías de participación pública para facilitar a acción popular contra actividades que poden ter efectos adversos sobre o medio ambiente. Para completar a participación pública prevese a creación dun órgano consultivo provincial que a fomente.
Sinalan que na actual lei, o réxime de outorgamento dos permisos, concesións e autorizacións é alleo á concorrencia doutras competencias e valores que hoxe non só son importantes, senón que poden ter e teñen prioridade sobre as actividades extractivas. Así, cando se aprobe esta reforma, considéranse excluídos de actividade mineira os terreos que integran a rede Natura 2000 e aquel outros que fosen merecedores de protección incompatible coas actividades extractivas.
Coa reforma preténdese asegurar a conservación dos ecosistemas mediante o desenvolvemento sostible do medio natural e rural, a xestión forestal sostible, a súa restauración ecolóxica cando sexa necesario, e doutras actuacións dirixidas a reverter a perda de biodiversidade, garantindo un uso sostible dos recursos naturais e a preservación e mellora dos seus servizos ecosistémicos.
Na nova lei incorpóranse unha serie de medidas para integrar a tramitación dos permisos, concesións e autorizacións coas dos plans de restauración, os plans de desmantelamento e abandono; os proxectos das actividades e instalacións complementarias para o tratamento do extraído. Tamén se establecen informes preceptivos, previos e vinculantes daquelas Autoridades con competencias que poden ter un carácter prevalecente.
Ecoloxistas en Acción sinala a minería urbana ou de entulleira como a alternativa á minería extractiva e está a levar a cabo unha rolda de reunións con forzas políticas e distintos organismos da administración estatal e autonómicas para presentar o seu informe sobre o estado da reciclaxe de metais. A organización ecoloxista pretende así poñer na axenda política a necesidade de potenciar a minería urbana, xa que apenas se reciclan a maioría dos metais denominados críticos para o desenvolvemento da transición enerxética.
Ecoloxistas en Acción sinala que a sociedade non se pode permitir o custo ambiental que implica abrir novas explotacións mineiras cando metais como o cobre ou o ouro contida no stock nacional de baterías, vehículos e aparellos eléctricos supera á demanda estatal prevista para a fabricación das tecnoloxías de transición.
La entrada Presentan no Congreso a reforma da lei de minas española aparece primero en Ecologistas en Acción.
0 Commentaires