Ticker

6/recent/ticker-posts

Ad Code

Responsive Advertisement

Prestige: 20 anos despois do desastre

  • Ecoloxistas en Acción presenta a documental “Alegría” para conmemorar o vixésimo aniversario do desastre ecolóxico provocado polo afundimento do petroleiro Prestige.
  • O documental, producido pola organización ecoloxista e dirixido por Luís Otero, sinala as causas que desencadearon a maior marea negra da costa galega e lembra que ante a inacción do goberno foi a marea branca de solidariedade a que se enfrontou ao “chapapote”.
  • Ecoloxistas en Acción quere, ademais, resaltar que, 20 anos despois, non estamos exentos dun novo desastre ecolóxico debido á nosa gran dependencia do petróleo.

Hai 20 anos, un funesto 13 de novembro de 2002, produciuse o maior desastre ecolóxico da historia de Galicia. Unha terrible noite de temporal, o petroleiro monocasco Prestige sufriu unha vía de auga cando navegaba a 28 millas (52 km) do cabo Fisterra. As autoridades españolas comezaron un rocambolesco periplo remolcando o barco ata que se partiu en dous o día 19 de novembro.

Como consecuencia diso, chegaron ás nosas costas varias decenas de miles de toneladas de fuel oil (chapapote), que logo se estenderon por toda a costa cantábrica e o sul de Francia, producindo unha das maiores mareas negras da historia. As ondas de fuel e morte bateron contra os cantís da Costa da Morte, contra as Illas Cíes e Ons, contra as enormes e solitarias praias desde A Lanzada ata Nemiña.

Ante a incompetencia e a falta de medios da Xunta e o Goberno central, centos de mariñeiros lanzáronse a defender as rías, pescando coas súas redes e as súas propias mans o chapapote. A sociedade civil autoorganizada, as confrarías de pescadores, as mariscadoras, as asociacións, foron as que deron resposta á catástrofe ante a incomparecencia das autoridades.

Xerouse tamén unha onda de solidariedade en todo o Estado e en moitos países, acudindo miles de persoas voluntarias: unha marea branca fronte á marea negra, para limpar de chapapote as costas galegas, traballando durante varios meses. Foron días de bágoas e dor, de mentiras e rabia que espertaron no pobo galego unha onda de indignación que asolagou a praza do Obradoiro seis veces na histórica manifestación do 1 de decembro de 2002.

200.000 paraugas repetiron como un eco a frase máxica ‘Nunca Máis’. Orgullo e dignidade, vestidas de negro e azul, dun pobo que gritaba ‘basta’ á burla negra de desastres ecolóxicos que periodicamente azoutaban as costas galegas. Polycommander, Urquiola, Andros Patria, Casón, Mar Exeo, a lista da infamia, nomes cravados na nosa memoria colectiva como o chapapote nas rocas. Oito dos trece maiores accidentes con verteduras de petróleo no últimas seis décadas producíronse nas costas de Galicia.

A mobilización da sociedade galega, articulada na ampla plataforma Nunca Máis chegou ata a Porta do Sol, cunha enorme marcha cara a Madrid para esixir xustiza, respecto e reparación: Fartos dos ‘hilillos de plastilina’ e as ‘praias espléndidas.

O Goberno e a Xunta tentaban minimizar o alcance da traxedia para ocultar a súa pésima xestión. A realidade, que lles azoutaba na cara, era a absoluta carencia de recursos e medios, a súa total incompetencia para acometer a protección e limpeza das zonas contaminadas. Esa vaga movilizadora abarcou moito máis alá do movemento ecoloxista, asolagando centros de ensino, centros de traballo, cada porto e cada balcón producindo un auténtico sismo que espertou a nosa conciencia como pobo e devolveunos a dignidade.

20 anos despois os efectos da vertedura do Prestige aínda están presentes na Costa da Morte, podéndose observar aínda a primeira ollada. Aínda queda chapapote baixo a area. Atopámonos ante outra proba máis de como, cando se produce un gran desastre ecolóxico, os seus efectos perduran durante anos ou mesmo décadas. Por iso, é necesario que se adopten por parte das autoridades todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir este tipo de accidentes.

Convén lembrar que o 70 % do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia, uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible. Lembremos o accidente do quimiquero Blue Star na Ría de Ares o ano pasado.

Ecoloxistas en Acción coa produción deste documental queren lembrar que é necesario mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como o aumento da cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral de Galicia. Que hai pequenos Prestige diarios, en forma de sentinazos. Que temos tamén que romper con este modelo dependente do petróleo, cuxas desgraciadas consecuencias para o planeta coñecemos. Pero, sobre todo, lembrar a onda de solidariedade, a marea branca, que suplindo a carencia de medios coa forza da ilusión, foi quen de enfrontarse a gran mancha negra mentres o Goberno, ausente, seguía negando a súa existencia. Por iso o título deste documental é Alegría!, o berro de guerra contra o chapapote que os voluntarios e voluntarias entoaban cando o cansazo facía efecto neles. Unha exclamación popular que devolveu a dignidade ao pobo galego.

Teñamos sempre presentes estas imaxes, fagamos memoria desta traxedia, pero tamén desta loita, para que un desastre así non volva repetirse “nunca mais”.

Programa de actividades

O documental estrearase este venres no Ateneo A Maliciosa, estará dentro das actividades do Museo do Mar de Barcelona e nos próximos días proxectarase por toda a xeografía galega.

  • Venres 13. Madrid: Ateneo A Maliciosa
  • Sábado 12. Barcelona: Museo do Mar
  • Domingo 13. Vigo: Praza do Berbés
  • Martes 16. Ourense: Cineclube pai Feijoo
  • Venres 18. Compostela: Museo do Pobo
  • Sábado 19. Pontevedra: Teatro Principal
  • Domingo 20. Lugo: Museo do Mar
  • Martes 22. A Coruña: Círculo de Artesáns

Na cidade de Vigo terán lugar as actividades centrais de conmemoración do vixésimo aniversario da catástrofe. Ademais da estrea do documental e posterior coloquio o domingo 13 na praza do Berbés, o sábado 12 celebrarase un concerto no Pub Moch, na rúa Irmandiños en Vigo, amenizado polo dúo “Blues do país”.

Antes do concerto de música reuniranse activistas e artistas nunha mesa redonda ao redor da escultura de madeira titulada “The voice of the fish”. Unha estatua que saíu do mar Báltico para denunciar a destrución dos hábitats mariños e a perda da vida silvestre en varias cidades europeas, para terminar o seu periplo mergullada nunha área mariña protexida da costa portuguesa. En cada parada celebráronse actos públicos para denunciar as principais ameazas ás que se enfronta o océano, como a sobrepesca ou a morte de golfiños polas redes de pesca en Alemaña, Luxemburgo e Francia.

La entrada Prestige: 20 anos despois do desastre aparece primero en Ecologistas en Acción.

Enregistrer un commentaire

0 Commentaires