Ticker

6/recent/ticker-posts

Ad Code

Responsive Advertisement

Na Limia as cabezas de gando multiplican xa por 72 a poboación humana residente

  • Actualmente, as macrogranxas concentran máis de 80.000 cabezas de gando, e non paran de medrar desde 1998.
  • Este tipo de industria é responsábel de máis do 50 % dos vertidos totais de nitróxenos nas augas no Estado español, degradando ríos, lagos e zonas marítimas costeiras.

Desde a primeira autorización para unha macrogranxa en 1998, a Xunta de Galicia non parou de conceder autorizacións para ampliar explotacións gandeiras intensivas, principalmente de aves e porcos, na comarca da Limia. Estas granxas concentran hoxe 81.853 animais, principalmente aves e porcos, o que equivale a 72 veces a poboación humana residente nos seus municipios.

A nivel estatal, o sector agropecuario, principalmente a agroindustria gandeira, é responsable de máis do 50 % dos vertidos totais de nitróxeno nas augas, ao que se suman outras substancias contaminantes (fósforo, antibióticos, hormonas, etc), que provocan o que se coñece como eutrofización, un crecemento excesivo de plantas e outros organismos, que producen grandes cantidades de materia orgánica. Este proceso é responsábel da existencia das coñecidas como «zonas mortas» nos oceanos, da degradación de ríos, lagos e zonas marítimas costeiras.

A contaminación por nitratos afecta tamén aos acuíferos e embalses que subministran auga potable á poboación. Segundo datos do Ministerio de Sanidade, en 2020 houbo 101 municipios no Estado español que se viron obrigados a procurar vías alternativas de abastecemento por esta problemática.

Esta situación motivou unha denuncia por parte da Comisión Europea contra o Estado español ante a Corte de Xustiza da UE, por incumprir a normativa europea en materia de protección das augas por nitratos provintes da actividade agropecuaria, que pode supór unha multa millonaria.

En palabras de Ecoloxistas en Acción, «este tipo de explotacións supoñen unha ameaza para o medio rural e tamén para a saúde das persoas. Especialmente grave é a actitude da Xunta de Galicia, que non só non se implica na procura de solucións, senón que segue promovendo a instalación e ampliación destas granxas nunha comarca sobleexplotada e especialmente vulnerábel, como é a Limia».

Presentada no Congreso iniciativa para prohibir estas macrogranxas

O problema é tan grave que o pasado día 15 de decembro se presentou no Congreso unha iniciativa para prohibir a instalación de novas granxas en zonas vulnerables ou sobreexplotadas, que non saíu adiante, cos votos en contra de PSOE, PP, Vox e Ciudadanos. Na iniciativa, ademais desta prohibición, se demandaba a obriga por parte das administracións competentes de declarar como zonas vulnerables as que atopen masas de auga contaminadas por nitratos e de evitar novos procesos contaminantes por este motivo.

Algo se esconde

Co obxectivo de denunciar a falta de transparencia da Xunta de Galicia nas políticas medioambientais, Ecoloxistas en Acción comezou a campaña «Algo se Esconde». Nos últimos anos, a Xunta aprobou concesións a grandes empresas gandeiras ou proxectos mineiros que non foron sometidos a avaliación ambiental, negou a personación no proceso de autorización tanto a organizacións ecoloxistas como a veciños e agochou información fundamental sobre os expedientes, que debería ser pública.

La entrada Na Limia as cabezas de gando multiplican xa por 72 a poboación humana residente aparece primero en Ecologistas en Acción.

Enregistrer un commentaire

0 Commentaires