- Ecoloxistas en Acción denunciou ante os ministerios de Educación e Traballo que a Xunta de Galicia detraeu case 200.000 euros dos fondos europeos do plan de recuperación para inchar as contas da Cámara Oficial Mineira de Galicia.
- Sinalan que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e a Cámara Oficial Mineira asinaron un convenio para a realización de accións formativas, a pesar de que o órgano mineiro non ten acreditada a competencia e experiencia docente.
- Ecoloxistas en Acción insta a Xunta a deixar de financiar entidades que divulgan información falsa sobre os danos causados pola actividade mineira.
Ecoloxistas en Acción ven de denunciar ante os ministerios de educación e formación profesional, por unha parte, e de traballo e economía social, por outra, que a Xunta de Galicia outorgase arbitrariamente á Cámara Oficial Mineira de Galicia case 200.000€ dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR). Se ben a achega é supostamente para realizar actividades formativas, desde a organización ecoloxista indican que a organización do lobby mineiros non ten acreditada a competencia e experiencia docente.
Galicia ten transferida a xestión de políticas actividades de emprego, nas que se inclúe a formación continuada para persoa ocupadas ou desempregadas, o que xustifica a disposición destes fondos específicos. Non obstante, a normativa establece que os fondos PRTR deben ser adxudicados en concorrencia competitiva e a entidades homologadas que acrediten os certificados para que a formación teña validez. As entidades beneficiarias deben constar como centro de formación no rexistro de centros do SEPE e ademais acreditar a competencia e experiencia do persoal docente que imparta a formación e demostrar estar en disposición de instalacións axeitadas.
Ecoloxistas en Acción subliña que esta normativa está creada precisamente para asegurar a calidade da formación recibida, evitando o uso de “chiringuitos”, como aconteceu no pasado, algo que precisamente non aconteceu coa Cámara Mineira, que está recibindo directamente fondos fóra dunha convocatoria pública, sen acreditación para realizar actividades formativas e sen estar rexistrada no catálogo de entidades formativas.
Para a organización ecoloxista, ilustra o desvío irregular de fondos públicos que no convenio outorgado ‘a dedo’ á Cámara Mineira se adxudiquen 549 euros por participante para unha formación básica e non formal en modalidade de teleformación, cando a orde reguladora establece un tope de 315 euros. Este é o caso máis recente de transferencia de fondos públicos ao organismo do lobby mineiro, que nos últimos anos recibiu máis dun millón de euros para actividades de lavado de cara verde da minaría. Este mesmo ano a Cámara Mineira saiu ao paso para defender a mina de San Finx afirmando que non se producía afección ás augas, xusto cando a propia Xunta sancionaba a mina cunha multa de 180.000 euros por vertidos ilegais. O presidente da Cámara, que tamén é empregado da empresa da mina da Penouta, tamén implicou o organismo na organización de mobilizacións para tentar influir na decisión xudicial do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de suspender a actividade da que ata entón era a única mina metálica en funcionamento.
“A Xunta está financiando a unha entidade que publicita como inocuas e sostibles explotacións mineiras que foron sancionadas polas súas graves e continuadas verteduras de residuos mineiros. Por iso instamos á Xunta a anular o convenio suscrito coa Cámara Mineira e non financiar máis a esta entidade”, declara Ecoloxistas en Acción. Tamén reclaman retirar as competencias públicas outorgadas polo Goberno da Xunta a este organismo, incluindo a xestión do Catastro Mineiro, sendo que en ningunha outra comunidade autónoma se privatizou deste xeito a xestión dun rexistro público deste tipo.
La entrada Denuncian ante os ministerios de traballo e educación que a Xunta desvía fondos PRTR para financiar a Cámara Oficial Mineira aparece primero en Ecologistas en Acción.
0 Commentaires