Ticker

6/recent/ticker-posts

Ad Code

Responsive Advertisement

Preocupación polo aumento do consumo de gas fósil

  • Ecoloxistas en Acción denuncia que, en contra do que queren facer crer desde o sector gasístico, o gas fósil non é un combustíbel limpo.
  • A organización ecoloxista galega alerta que o consumo de gas fósil medrou o 62 % desde 2015, polo desexábel colapso do carbón e o atraso no desenvolvemento renovábel.
  • A Xunta segue apostando pola planta regasificadora de Mugardos (Reganosa), na que se está a descargar gas natural licuado de fracking.

A necesaria caída da produción das centrais térmicas de carbón e o atraso no desenvolvemento das enerxías renovábeis están a favorecer o aumento do consumo de gas fósil en Galicia, algo moi preocupante a xuízo de Ecoloxistas en Acción.  A organización ecoloxista alerta que entre 2015 e 2019 medrou nada menos que o 62 % o consumo do tamén denominado gas natural. Un combustíbel fósil que nada ten de limpo ou verde e que contribúe a agravar a crise climática.

“O gas fósil consumido en Galicia é importado a través da rede de gasodutos do Estado e, sobre todo, da planta regasificadora de Reganosa en Mugardos, incomprensibelmente localizada no interior da ría de Ferrol. O sobredimensionamento da infraestrutura gasística e o afán por rendibilizala son un atranco evidente para a transición enerxética rápida e xusta que necesitamos perante a emerxencia climática”, declara Xosé Veiras, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

Segundo o máis recente Balance enerxético de Galicia, con datos para 2019, case a metade do gas fósil consumido no noso país úsase en caldeiras para xerar calor. O resto quéimase nas centrais de ciclo combinado de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) e  máis en 40 centrais de coxeración que xeran electricidade e calor para cadansúas industrias.

O aumento do consumo de gas nas centrais de ciclo combinado e, en moita menor medida, na xeración de calor, está a disparar a demanda de gas en Galicia. Paralelamente ao descenso abrupto da produción eléctrica nas centrais de carbón, a dos ciclos combinados medrou un 173 % entre 2018 e 2020. Este incremento tería sido aínda ben maior de non ter diminuído o consumo eléctrico por causa da COVID-19 e de non ter aumentado un 7 % a  xeración renovábel.

Reganosa importa gas de fracking desde EE UU

O gas fósil representa xa un 20 % de toda a enerxía importada en Galicia, superando en 2019 por primeira vez o carbón, ao que está a substituír parcialmente na produción eléctrica. Ecoloxistas en Acción advirte  que isto non representa unha solución climática real, máis aínda se temos en conta que Reganosa está a recibir gas natural licuado (GNL) de fracking de EE UU, cunha pegada de carbono que mesmo pode chegar a ser superior á do carbón.

A propia Reganosa ten sinalado que pretende “xogar un papel moi destacado no crecente fluxo de GNL que chegará a Europa desde América”. EE UU foi a orixe do gas transportado por 3 dos 22 barcos metaneiros que efectuaron descargas na planta de Reganosa durante 2020, por detrás de Rusia (10) e Trindade e Tobago (6), e superando a Nixeria e Guinea (2).

O sector gasista quere unha transición enerxética lenta que alongue a vida de infraestruturas innecesarias e perigosas como a planta regasificadora de Reganosa, aínda en proceso de legalización, malia estar operativa desde 2007 e dispor dunha concesión  até 2042.

Unha pretensión partillada polo Goberno galego. A Xunta, ao tempo que renuncia a participar nun desenvolvemento das enerxías renovábeis baixo criterios ecosociais mediante unha empresa pública, é un dos principais accionistas de Reganosa (1).

Ecoloxistas en Acción está a desenvolver en todo o Estado español a campaña “A verdade do gas”, coa que denuncia os intentos empresariais de vendernos a imaxe do gas fósil como un combustíbel limpo destinado a ter un papel protagonista e duradeiro na transición cara a un sistema enerxético 100 % renovábel. Porén, o que cómpre é substituír canto antes o gas fósil polo decrecemento do consumo enexético e por un desenvolvemento socialmente xusto e  respectuoso co territorio das enerxías renovábeis, tanto térmicas como eléctricas.

Notas:

1. O accionariado de Reganosa está composto pola xaponesa Corporación Sojitz (15 %) e Reganosa Holdco (85 %). Esta última está participada polo Grupo Tojeiro -o dono de Gadis-, a Xunta  e a empresa estatal alxerina Sonatrach.

La entrada Preocupación polo aumento do consumo de gas fósil aparece primero en Ecologistas en Acción.

Enregistrer un commentaire

0 Commentaires