Ticker

6/recent/ticker-posts

Ad Code

Responsive Advertisement

Que devolvan A Calzoa!

Hai un sentimento de apego emocional ao lugar onde se nace ou onde se pasa a infancia que é común aos seres humanos. Para a xente do barrio da Carrasqueira, en Coruxo, a praia da Calzoa non é un simple espazo de lecer de sol e toalla, é unha parte da súa vida.

Falamos dun enclave mariñeiro dende tempos inmemoriais no que as gamelas sempre estiveron amarradas á súa historia e seguen formando parte da súa paisaxe. Aínda que, co transcorrer das xeracións, a explotación dese mar como medio de subsistencia foi desaparecendo ao tempo que o aprecio polo seu valor ecolóxico foi acrecentando.

Na Calzoa, cada peza é unha historia.

Un anaco da súa historia é a veciña chamada Berta quen, a principios do 2003, ante o incipiente deterioro da duna a causa dos cada vez máis frecuentes vehículos estacionados sobre ela, tivo a iniciativa de pedir ao concello daquel tempo que prohibise o acceso destes ao areal, en favor da preservación do escaso e valioso ecosistema dunar. Ela conseguiuno xunto co apoio veciñal.

Xa co actual alcalde no goberno local, outro anaquiño da Calzoa, a veciña chamada Isabel, decidiu recoller sinaturas para tratar de deter a retirada de algas da praia empregando maquinaria pesada, consciente do impacto negativo que isto provoca nos pequenos crustáceos e insectos que se alimentan delas e que, á súa vez, son o alimento de moitas aves litorais. Aínda que leva seis anos solicitándoo, a súa petición é constantemente desoída.

Ademais de loitas en pos da súa conservación, tamén A Calzoa é testemuña de emotivas historias persoais e de fermosas relacións interespecíficas, algunhas tan curiosas como a ocorrida no 2007 cando, debido a un potente temporal, un exemplar de gaivota polar ou groenlandesa recalou na Ría de Vigo. A súa presenza, por rara nas nosas costas, foi motivo de algarabía entre afeccionados á ornitoloxía, quenes non se sorprenderon de que elixise A Calzoa como lugar de refuxio. O que si causou sorpresa foi que esta gaivota decidira quedarse e non regresar ao seu lugar de orixe, en augas groenlandesas e escandinavas.
Compartiu espazo na area durante dous anos seguidos cos bañistas que, tan branquiña como era comparada coas demais, chamárona «a albina» ao principio e, coa confianza que dá o trato, «Chispita» despois.

Pili é unha muller que, como a gaivota polar, decidiu quedarse na Calzoa, aínda que dende moito antes. Pasaba gran parte do día nesta praia, con sol, vento e incluso chuvia, e acabou desenvolvendo en «Chispita» un notable comportamento de impronta, ao proporcionarlle alimento, de xeito que ambas, muller e gaivota, camiñaban ao par paseando pola beira do mar.

Alguén regalou a Pili unha guía de aves, porque esa «amizade» fíxoa descender desa posición que nos fai xulgar aos animais dende un punto de vista supremacista, descubrindo o admirable que pode ser a realidade das tan denostadas gaivotas.

Son moitas as crónicas de aves rescatadas na Calzoa, pero hai unha que espertou en Ángel unha sensibilización que dura ata hoxe e que se empeña en transmitir aos seus netos. Acostumado a ver as numerosas bandadas de pilros tridáctilos correteando pola praia en busca de comida, un día viu dende a súa fiestra como un deles parecía estar loitando por poñerse en pé. Achegouse e colleuno con coidado. Pensando que tiña as patas feridas, chamou ao centro de recuperación onde se fixeron cargo del, informando a Ángel de que os pilros percorren miles de km dunha atacada, sen descansar.

Esta pequena ave chegou á Calzoa – punto de «parada en boxes» elixido por moitas especies migratorias – ao límite da súas forzas, tan dura que tería sido esa viaxe dende a tundra ártica. O pilro saiu adiante e foi liberado, dende a propia praia, con aneis de cores nesas patas que recuperaron a súa forza. Sorte!, berráronlle cando se alonxaba voando. Dous anos despois, un experto observador de aves informou da súa identificación nun parque nacional de Gambia e Ángel soubo abraiado -quizais tamén con certo orgullo- que este pequeno paxaro, que non acadaba os 100 g, conseguiu manterse vivo e migrante.

Entón, a través da prensa, chegou o anuncio do alcalde de Vigo de que A Calzoa era elixida para ser praia canina. E, para que o poliedro lle quedara redondo, no acordo menosprezou os seus valores naturais, ignorou á súa xente e dividiu a praia cunha liña imaxinaria, pasando dunha, a ser dúas a conveniencia: a Calzoa e Foz esquerda.

Xa durante os primeiros días da designación, a agonía pola supervivencia fíxose evidente cando unha femia de lavanco real cos seus patiños, que aínda non voaban, buscou refuxio na casa de Elena, fuxindo dos cans que atopou na praia, pois precisaba atravesala para acceder ao río coa súa prole. Gran parte da veciñanza mobilizouse para conseguir, con moita dificultade e non toda a comprensión que sería desexable nos novos usuarios do areal, devolver á fráxil familia á marisma.

E así, o lugar que, sen necesidade de anuncios nin carteis, era un espazo de encontro coa natureza para todos e obxecto de actividades de educación ambiental, converteuse nun parque exclusivo para persoas con mascotas. Sen promover a convivencia, permitindo conscientemente a desobediencia das normas, provocando a confrontación e o conflito. Desoíndo as denuncias, alentando con elo as infraccións.
Pili abandonou a praia, igual que a lontra, as gabitas, os mazaricos, as garzotas, virapedras, biluricos, píllaras, … por imposición. Coa diferenza de que o humano ten máis alternativas para o paseo, non así as especies litorais para a súa existencia.

Ángel observa cada tempada como as bandadas de pilros insisten en repoñer forzas na Calzoa, pero son perseguidos constantemente por cans que lles impiden alimentarse e descansar para continuar a súa viaxe, facendo que desistan do seu empeño.

A duna protexida por Berta está rota en buratos e Isabel descobre a diario na beiramar, mesturadas coas algas, feces caninas que van e veñen coas ondas.

As praias son ecosistemas naturais, non artificiais. As actividades de lecer no medio natural, xa sexan activas ou pasivas, deben basearse no respecto a ese medio e ás persoas. Non é unha opinión, é unha regra de obrigado cumprimento, necesaria e de sentido común.

E esta é precisamente a causa desta lamentable situación: a falta de respecto da administración polo medio ambiente e polas persoas que o defenden.

Onde unhas ven patrimonio a conservar, outros ven ornamento turístico. Onde unhas ven un ecosistema natural único en Vigo, a alcaldía ve unha gran caixa de area para mascotas.

As persoas moradoras dun lugar son (ou deberían ser) as súas primeiras protectoras, pero A Calzoa non só é custodia das xeracións de Coruxo, é parte do limitado e insubstituíble patrimonio natural da cidade e pertence a todo Vigo.

Ana Prado Comesaña, bióloga e membro de Ecoloxistas en Acción de Vigo

La entrada Que devolvan A Calzoa! aparece primero en Ecologistas en Acción.

Enregistrer un commentaire

0 Commentaires