Ticker

6/recent/ticker-posts

Ad Code

Responsive Advertisement

A regulación do gas beneficia Enagás e prexudica os fogares

  • Ecoloxistas en Acción publica en castelán o estudo lanzado polo instituto de estudos británico IEEFA, no que se denuncia que o exceso de capacidade e unha febre por investir soben as facturas da poboación mentres Enagás se lucra.
  • Os beneficios de Enagás non están impulsados pola demanda das persoas consumidoras nin pola eficiencia da empresa, senón por un marco regulatorio que garante á empresa unha taxa fixa de rendibilidade dos seus investimentos en infraestruturas gasistas, independentemente da súa necesidade.
A Empresa Nacional de Gas (Enagás), que actúa como xestor de rede de transporte de gas en réxime de monopolio, beneficiouse dunha estratexia de “seguridade e diversidade da subministración” como escusa para construír ou ampliar plantas de regasificación de gas natural licuado, gasodutos de gas natural e instalacións de almacenamento de gas. Segundo un informe do Instituto de Economía Enerxética e Análise Financeira (IEEFA, polas súas siglas en inglés), o exceso de capacidade resultante levou a taxas baixas de utilización das infraestruturas gasistas en España, así como a facturas de gas máis elevadas que en ningún outro estado europeo.

Enagás benefíciase dun sistema regulatorio que garante unha taxa fixa de retribución por investimentos en infraestruturas, independentemente de o país realmente necesitar ou non eses investimentos. A empresa pode sinxelamente investir diñeiro en proxectos a miúdo innecesarios e aínda así saír gañando mentres carga ás persoas consumidoras co peso do custo.

O problema é o exceso de investimento en proxectos de gas innecesarios polo afán de obter ingresos regulados, o que parece beneficiar aos accionistas de Enagás no canto de atender as necesidades do sistema técnico ou dos consumidores.

Como vén denunciando Ecoloxistas en Acción na súa campaña #LaVerdadDelGas, España é un dos estados da Unión Europea onde os fogares e pequenos consumidores de gas, como tendas e restaurantes, pagan un prezo máis alto por este combustíbel. En 2008 os prezos da enerxía no Estado español eran practicamente iguais aos da UE, mais nos seguintes 10 anos houbo un incremento de prezos moi superior ao da media da UE para estes consumidores. España bateu marca do prezo máis alto do gas en Europa durante a segunda metade de 2019.

Un prezo do gas que lastra á tarificación eléctrica, xa que a última enerxía que entra no sistema é a que marca o prezo. Unha enerxía que vén das centrais de ciclo combinado que utilizan gas, como as de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa), de forma que estes prezos repercuten en incrementar á alza o custo da luz. Un sistema inxusto que prexudica as persoas máis vulnerábeis e o clima, xerando grandes beneficios caídos do ceo ás grandes empresas do oligopolio enerxético.

Hoxe en día Enagás é unha das empresas con máis plantas de GNL do mundo. As plantas de GNL que están operativas en España representan case un terzo da capacidade de importación de GNL de Europa, pero os seus índices de utilización son dos máis baixos do continente. Enagás tentou construír unha en Galicia, pero finalmente foi Reganosa a que impulsou  a planta de GNL localizada na nosa terra,  a de Mugardos, no interior da ría de Ferrol. Pero Enagás tamén está presente en Galicia, pois é a dona dos gasodutos Tui-Vilalba, Vilalba-Llanera (Asturias) e Pontevedra-Ourense.

A demanda de gas no Estado español non aumentou desde 2008 e os consumidores tiveron que pagar a conta dunha infraestrutura sen utilizar. En Galicia, despois dun forte incremento do consumo nos primeiros anos do presente século, atinxiuse un pico de demanda en 2008. Desde entón o consumo ten oscilado, volvendo en 2019 a valores similares aos de 2008.

Nos últimos 20 anos a taxa de utilización da capacidade instalada de España non chegou nunca ao 50 %.  Con todo, Enagás quere investir en novos proxectos para garantir o incremento dos seus ingresos e favorecer os dividendos dos accionistas. Por iso é polo que está a planificar 30 proxectos de hidróxeno e 16 de biometano, así como proxectos de gas e GNL. Para xustificar estes novos proxectos utiliza o lema da “descarbonización”.

O risco de que se repita o erro de construír infraestrutura que non fai falta e dar lugar a máis activos varados é considerábel, pero, como apunta Sagrario Monedero, coordinadora da campaña “A verdade do gas” de Ecoloxistas en Acción, “o risco de que consumidoras e consumidores de gas se vexan obrigadas de novo a cubrir os custos dunha infraestrutura sobredimensionada e ao servizo dos intereses do capital é aínda maior”.

La entrada A regulación do gas beneficia Enagás e prexudica os fogares aparece primero en Ecologistas en Acción.

Enregistrer un commentaire

0 Commentaires