Os colectivos veciñais SOS Suido-Seixo e Alarma Terra de Montes lanzan a campaña “OLLO cos Agapitos!” para alertar a poboación da presenza dos seus “homes de negro”.
Recursos Minerales de Galicia S.L., filial do grupo SAMCA, que pretende iniciar un proxecto de minaría de litio nas Serras do Suído e Seixo voltou á carga esta semana logo de que o pasado mes de marzo o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza confirmara o seu desistimento do recurso contencioso-administrativo contra o arquivo do seu proxecto “Alberta I” que afectaba aos concellos de Beariz, Forcarei, Avión e Cerdedo-Cotobade.
Nos últimos días directivos de SAMCA desprazáranse desde Zaragoza para retomar o proxecto, utilizando como base a nave industrial da empresa en Vilapouca, Forcarei. Desde os colectivos veciñais SOS Suido-Seixo e Alarma Terra de Montes denuncian o asedio constante das empresas mineiras e eólicas, enviando os seus “homes de negro” para negociar con comunidades de montes e propietarios e dividir ás comunidades.
De feito, ambos colectivos veñen de lanzar unha campaña, á que se suma Ecoloxistas en Acción, para denunciar esta presenza de “agapitos”, persoas ligadas ás empresas que buscan o enfrontamento veciñal. Desta volta, SAMCA pretende retomar as perforacións con novos sondeos mineiros, de modo a poder dar aparencia de actividade a un permiso de investigación de fai máis de 20 anos que a Xunta se nega a declarar caducado.
En paralelo, alerta Ecoloxistas en Acción, a empresa mineira xa está ultimando a documentación dun novo proxecto co que iniciará de novo o procedemento de pase a concesión de explotación, desta volta incluíndo un estudo hidroxeolóxico elaborado pola Universidade da Coruña. Advirten que estarán atentos para evitar os atropelos do anterior trámite, no que se lles impediu o personamento aos distintos colectivos ecoloxistas. “Desta volta realizáronse as advertencias oportunas, pero a continuidade na obstaculización da participación pública levará a accións xudiciais contra as propias funcionarias”, avisan.
Lembran ademais que tanto a Xunta como a mineira están realizando un fraccionamento artificial de proxectos, xa que a pesar de que o proxecto presentado apenas detallaba unha primeira fase subterránea, a empresa pretendía explotar sucesivamente media ducia de minas ao longo de 20 kilómetros, incluíndo varias a ceo aberto. Ao mesmo tempo, a empresa Strategic Minerals, que xa comezou a explotación da mina da Penouta, pretende continuar a explotación cara Avión, Boborás e Covelo, onde está tramitando os proxectos “Alberta 2”, “Carlota”, “Macarena” e “Maite”.
La entrada Denuncian que a mineira de litio volta á actividade en Beariz aparece primero en Ecologistas en Acción.
0 Commentaires