Ticker

6/recent/ticker-posts

Ad Code

Responsive Advertisement

Non máis diñeiro para empresa contaminantes. Reganosa non é o modelo

A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos xunto co Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convocamos esta concentración diante de Reganosa, a industria do gas fósil de Galiza, para denunciar a falta de transparencia, a ausencia de participación pública e para esixir un reparto xusto e sustentábel dos fondos europeos Next Generation que chegarán ao noso país.

Queda moito por saber sobre como se van repartir os fondos europeos Next Generation, a que modelo de recuperación post-covid van dirixidos, que proxectos acabarán executándose e cales non, e mesmo que contrapartidas en reformas vai a esixir a Comisión Europea. Mais dada a ausencia de participación da sociedade civil no referente aos mesmos, todo apunta a que as grandes beneficiadas van ser máis ca nada grandes corporaciónes e élites económicas, en detrimento de quen máis sufriu a crise e da economía real. No entanto, as contrapartidas en forma de reformas laborais e de pensións pagarémolas todas. Se pagamos todas, decidimos todas.

No medio da enorme opacidade existente na asignación de fondos e proxectos, na Galiza hai uns nomes que xa parecen resoar, xunto a Feijoó, para liderar a recuperación post-Covid: Abanca, Sogama e Reganosa. Segundo indica a prensa, que indignantemente é a única fonte de informacion dispoñibel para a cidadanía, a Xunta ven de crear unha sociedade con estas tres empresas, destinada á planificación estratéxica de iniciativas. A presenza da sociedade civil na xestión destes millóns de cartos públicos é, xa que logo, tan exigua como fortes e insultantes son as conexións Xunta / empresas privadas. O goberno galego ten negado reiteradamente a información solicitada pola cidadanía, mesmo en sede parlamentaria, sobre os comités de expertos e sobre os proxectos presentados, así como sobre os mecanismos de selección e adxudicación dos mesmos.

Reganosa, Abanca e Sogama son modelos extremadamente controvertidos que representan a peor faciana da colaboracion público-privada: saqueo de patrimonio público, perda de emprego e destrución do medio ambiente. No caso de Reganosa mesmo se dá por feita, segundo o presidente Núñez Feijoó, a concesión dun proxecto para unha planta de hidróxeno sen pasar ningún filtro de control, nin cidadán nin parlamentario. En democracia, deberían saber na Xunta, a asignación de cartos públicos a dedo non é unha opción, é un delito.

Esta empresa, participada pola Xunta, ten na súa contra cinco sentenzas do Tribunal Supremo e aínda así conseguiu dun goberno en funcións, o de Mariano Rajoy, o permiso para non facer a Declaración de Impacto Ambiental. Na súa construción o Grupo Tojeiro beneficiouse dun pelotazo urbanístico de máis de 30 millóns de euros para instalar un sistema de regasificación a base de hipoclorito, que devolve á ría millóns de toneladas de auga totalmente esterilizada e arrefriada até 6 grados menos, sendo sen dúbida un dos factores da actual crise ambiental e de produción da ría de Ferrol, recoñecida pola propia consellería de Mar. Asemade, o seu emprazamento supón un perigo para a vida de milleiros de persoas, pois fica a menos de 100 metros do primeiro núcleo habitado, a menos de 1000 do complexo militar e ao carón dunha planta petroquímica (Forestal do Atlántico), riscos que se ven aumentados polas condicións de navegabilidade da propia ría. Nestes intres Reganosa está a tramitar as terceiras autorizacións administrativas, unha vez que as primeiras (ano 2004) e as segundas (ano 2016) foron sucesivamente anuladas por numerosas ilegalidades… Con este currículo, Reganosa é o modelo que o goberno Feijoó ten para liderar a recuperación post-covid?

Pero inda por riba Reganosa dedícase a un negocio que está a esnaquizar o planeta, o negocio dos combustíbeis fósiles. O gas non pode ser incluído na loita contra o cambio climático nin é aceptábel que reciba fondos de recuperación. É absolutamente censurábel que os cartos que deben servir para recuperar a crise, pero tamén para comezarmos a facer unha mudanza sistémica que evite as peores consecuencias do cambio climático e a perda de biodiversidade, sirvan para consolidar a industria dos combustíbeis fósiles e afianzar ou mesmo ampliar a infraestrutura gasística. Iso non ten nada que ver coa transición ecolóxica que os «Next generation EU» tamén teñen que garantir.

Se Feijoó precisa proxectos para investir os fondos na Ría de Ferrol ten un: o saneamento integral. Un saneamento que devolva a riqueza marisqueira a este ecosistema e devolva o medio de vida a máis de 400 familias que antes subsistían dela e agora están reducidas a unhas poucas ducias.

O negocio dos combustíbeis fósiles é incompatíbel cun futuro sostíbel.
Transparencia, participación e reparto xusto!
Nin Abanca, nin Sogama, nin Reganosa son modelos para a recuperación!

 

 

La entrada Non máis diñeiro para empresa contaminantes. Reganosa non é o modelo aparece primero en Ecologistas en Acción.

Enregistrer un commentaire

0 Commentaires