- Segundo un informe de Ecoloxistas en Acción, nas últimas dúas décadas Pontevedra e Ourense destacan en municipios con carga porcina alta co 100% e o 86% respectivamente, mentres que na Coruña e Lugo a porcentaxe está en torno ao 60%.
- No informe realízanse 36 comparativas entre municipios galegos de menos de 5.000 habitantes. Contrastouse a evolución poboacional daqueles municipios que teñen unha cabana porcina alta con outros que non teñen este tipo de industria.
- A nivel estatal, estudáronse o 64% do total de localidades con alta carga porcina.
Na Galiza hai un censo porcino moi importante con entre 300.000 e 400.000 porcos en cada unha das provincias galegas, salvo Lugo que ten algo menos. Algunhas das zonas con alta densidade porcina intensiva están próximas a núcleos urbanos importantes o que impediu que estes municipios entraran no Informe, como foi o caso de Maceda con 42.988 porcos, Sandiás con 18.049 porcos ou Xinzo de Limia con 29.072 porcos, todos eles na provincia de Ourense. Ou outros municipios con carga porcina alta pero que teñen unha poboación superior a 5.000 habitantes, como en Pontevedra os casos de Lalín con 70.843 porcos e Silleda con 78.697 porcos.
Nas comparativas, por tanto, a gandería industrial está a frear ou impedir o desenvolvemento doutros sectores económicos no mundo rural, limitando así as posibilidades de emprego e vida digna da poboación.
Das catro provincias analizadas na Galiza, os municipios con maior censo porcino no 2020 foron, en Pontevedra, Rodeiro con 96.173; en Ourense, Sarreaus na Limia con 30.668; Palas de Rei, en Lugo, con 26.211, e 17.651, de Santiso A Coruña.
Ante esta realidade Ecoloxistas en Acción, xunto coas plataformas veciñais como Auga Limpa XA!, e outras organizacións agrupadas ao redor da Coordinadora Stop Gandería Industrial, esixe unha moratoria inmediata ao desenvolvemento de novas explotacións de gandería industrial ou a ampliación das xa existentes.
Daniel González, coordinador da campaña Stop Gandería Industrial de Ecoloxistas en Acción declara: «Os resultados desta investigación revelan a urxencia por desactivar o discurso político e empresarial de que a gandería industrial poida soster un mundo rural vivo. En cambio, para afrontar o reto demográfico e a emerxencia climática, necesitamos canto antes políticas encamiñadas a favorecer o desenvolvemento rural agroecolóxico, incluíndo a gandería extensiva vinculada ao territorio e respectuosa, tanto coa natureza como coa vida e a economía dos pobos».
La entrada A gandería industrial provoca despoboación rural aparece primero en Ecologistas en Acción.
0 Commentaires