Ecoloxistas en Acción presenta un caderno sobre como abordar a resistencia contra a minería. O obxectivo é guiar os primeiros pasos das persoas e colectivos que se enfrontan por primeira vez a un proxecto mineiro na súa localidade.

Durante as operacións mineiras, con frecuencia contamínase o aire e a auga con produtos químicos tóxicos, como o cianuro, o chumbo, o arsénico, o cadmio, o mercurio e o ácido sulfúrico. Isto provoca enfermidade e morte tanto a persoas como á biodiversidade da zona (flora e fauna), así como graves afectacións á calidade do aire, a auga e a terra.

Ecoloxistas en Acción confeccionou a guía ‘Como defenderse ante a ameaza dun proxecto mineiro’ para defender o territorio ante as ameazas ambientais. A medida que as corporacións aumentan o seu control sobre a toma de decisións en todo o mundo, a cidadanía perde capacidade para resistirse ou defender os seus dereitos, á vez que os gobernos se decantan máis por privilexiar ás grandes corporacións en lugar de velar polos dereitos da cidadanía e o medio ambiente.

A organización ecoloxista sinala que estas empresas extractivas son poderosas, con armazóns mercantís de acceso a múltiples sectores de actividade e grandes grupos de accionariado, que non dubidan en perpetrar abusos contra os dereitos humanos e o medio ambiente para incrementar os seus ingresos e favorecer os intereses económicos do accionariado.

Así mesmo, alertan de que o extractivismo conta a miúdo coa complicidade dos gobernos para expoliar os recursos dun territorio e amoldar as leis á súa conveniencia, sen responsabilidade ambiental algunha. Mesmo procuran, mediante armazóns societarios, non custear a rehabilitación ambiental da zona afectada, sen facerse cargo de accidentes e sen pagar sancións.

Con todo, Ecoloxistas en Acción considera que estas empresas extractivas tamén son vulnerables. Un rexeitamento da comunidade que non lles garanta a licenza social para operar pode escorrentar aos investidores e cancelar o proxecto extractivista.

“Se a comunidade local afectada actúa rápido e organiza un movemento popular de rexeitamento ao proxecto, pode chegar a dificultar tanto o seu desenvolvemento que os promotores acaban desistindo e marchándose. O talón de Aquiles das mineiras está no rexeitamento social”, subliña Cristóbal López, portavoz de Ecoloxistas en Acción.

O manual recolle dez apartados para defender o territorio ante proxectos tan daniños ecolóxica e socialmente como a minería. Nel explícase desde como documentarse sobre o proxecto mineiro, cales son as afeccións ambientais máis significativas ata como organizar á comunidade para repeler as represalias das empresas mineiras ou os gobernos.

 

 

La entrada Manual para organizar a resistencia contra o extractivismo mineiro aparece primero en Ecologistas en Acción.