•  A empresa foi condenada ao pago de 3.000 euros de costas logo que ver rexeitadas todas as pretensións da súa demanda.
  • Ecoloxistas en Acción continúa como co-demandada no proceso polo que a mineira pretende anular a DIA desfavorable ao proxecto da mina de Touro.

Novo revés xudicial á mineira de Touro, Cobre San Rafael: o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ven de dar a razón a Ecoloxistas en Acción, logo de que a filial de Atalaya Mining presentara unha demanda para tentar impedir que este colectivo tivese acceso a información ambiental relativa á concesión mineira.

O caso remóntase a 2021, cando a organización ecoloxista solicitara á Xunta copia dos plans anuais de labores e do proxecto de restauración da mina, así como de varios informes de inspección e de expedientes sancionadores contra a empresa. Aínda que a Xunta concedeu o acceso á información, a sucesión de recursos e demandas presentadas pola empresa buscaba demorar que este se fixese efectivo, retrasándoo de feito máis de dous anos.

Xa naquel momento, Cobre San Rafael presentara recurso administrativo acusando a Ecoloxistas en Acción de ter “intenciones espurias” por utilizar “el cauce legal de las solicitudes de acceso para obtener información sensible con la expresa y espuria intención de filtrarla y entregarla a terceras entidades que vienen haciendo un uso indebido, por manipulación intencionadamente tergiversada e infundada de su contenido, redundando en perjuicio y descrédito público”. O Tribunal rexeitou de plano as pretensións da empresa, condenándoa a pagar 3.000 euros en costas.

En realidade, a información resulta chave para evidenciar os numerosos incumprimentos por parte da empresa, que veñen causando un impacto ambiental severo por contaminación con metais pesados dos cauces fluviais contiguos á zona mineira e, por extensión, do río Ulla no que conflúen.

No Tribunal Superior de Xustiza continúa aberto outro contencioso no que unha ducia de colectivos se enfrentan á mineira de Touro como condemandadas polo proxecto que chumbou a Xunta logo de emitirse unha Declaración de Impacto Ambiental negativa en 2020 polas súas deficiencias e impactos potenciais no sistema fluvial do río Ulla e ría de Arousa. Ecoloxistas en Acción confía que tamén nese caso a xustiza chumbe as pretensións da mineira cunha nova sentenza condenatoria.

La entrada Nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza contra a mina de Touro por tentar impedir o acceso a información ambiental aparece primero en Ecologistas en Acción.