- A produción de electricidade con gas fósil, por mor da seca e o estancamento da xeración renovable, xa lidera as emisións de gases con efecto invernadoiro galegos.
- A xeración a partir da queima de carbón tamén medrou un 87% con respecto ao ano anterior, o que supón un enorme paso atrás na transición enerxética.
- As emisións causantes de cambio climático da produción eléctrica galega medraron un 30% en 2022 con respecto ao ano anterior.
- A central de carbón das Pontes debe pechar este 2023 e os ciclos combinados antes de 2030 se queremos cumprir os necesarios obxectivos de descarbonización.
A central de ciclo combinado a gas fósil das Pontes emitiu 1,22 millóns de toneladas de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) durante 2022, converténdose na maior fábrica de cambio climático de Galicia. A veciña central de carbón, tamén propiedade de ENDESA, foi a terceira industria galega con maior impacto climático1.
A seca e o estancamento da potencia renovábel instalada favoreceron que a xeración de electricidade con gas fósil nas centrais de ciclo combinado medrase o 37% en Galicia durante o pasado ano, segundo os datos de Rede Eléctrica de España. Isto fixo que as centrais de gas das Pontes e de Sabón (Arteixo) fosen a primeira e a cuarta maiores fábricas de cambio climático do noso país.
A baixada na produción hidroeléctrica e o parón no desenvolvemento renovábel tamén axudaron a que a produción eléctrica con carbón crecese o 87% con respecto ao ano anterior. Así, as emisións da central das Pontes, que debería ter pechado a mediados de ano, disparáronse até case un millón de toneladas, situándose moi perto do segundo maior emisor, a refinaría de petróleo da Coruña.
A planta de alúmina-aluminio de San Cibrao pasou de ser a maior emisora industrial de gases causantes de cambio climático en 2021 a ser a quinta en 2022, debido ao parón na fabricación de aluminio planificado por Alcoa até 2024.
As 5 industrias galegas que máis contribúen á crise climática (Emisións GEI 2022 (t)):
- Central de ciclo combinado (gas fósil) das Pontes (Endesa) 1.225.482
- Refinaría de petróleo da Coruña (Repsol) 995.764
- Central de carbón das Pontes (Endesa) 930.291
- Central de ciclo combinado (gas fósil) de Sabón (Naturgy) 699.593
- Planta de alúmina-aluminio de San Cibrao (Alcoa) 611.390
O atraso na transición enerxética está a propiciar que o caro e contaminante gas fósil ocupe unha parte considerábel do oco deixado pola caída no uso do carbón na produción eléctrica rexistrada a partir de 20192. Por iso, as emisións de gases causantes de cambio climático das centrais de gas das Pontes e de Sabón multiplicáronse por 4 e por 22, respectivamente, entre 2018 e 2022.
O incremento da actividade tanto das centrais de gas fósil das Pontes e Sabón como da central de carbón das Pontes provocou que as emisións conxuntas de gases de invernadoiro das centrais térmicas (carbón máis gas) subisen até 2,85 millóns de toneladas en 2022, cifra un pouco superior á das emisións asociadas ao uso de combustíbeis fósiles en toda a industria galega non enerxética. En 2020, ano máis recente con datos oficiais divulgados, as emisións territoriais totais de Galicia ascenderon a 18,6 millóns de toneladas.
O aumento da produción da central de carbón das Pontes e dos ciclos combinados fixo que as emisións causantes de cambio climático da produción eléctrica galega medrasen un 30% en 2022 con respecto ao ano anterior (3).
Porén, as emisións causantes de cambio climático das centrais térmicas en 2022 foron un 79% inferiores ás de 1990. Polo tanto, en 2022 superouse amplamente o cativo obxectivo da Xunta para 2030 (-54,3%) recollido na Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050.
Desde a plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” agardamos que en 2023 peche definitivamente a central de carbón das Pontes. Ademais, consideramos necesario e factíbel o peche das centrais de ciclo combinado a gas fósil antes de 2030, como parte dunha estratexia que debería reducir as emisións galegas de GEI polo menos nun 65% en 2030 con respecto a 1990. Meta consecuente coas responsabilidades e capacidades da nosa terra para contribuír a que o quecemento global non supere os 1,5ºC.
La entrada A central de gas fósil das Pontes foi a maior fábrica galega de cambio climático en 2022 aparece primero en Ecologistas en Acción.
0 Commentaires