Ticker

6/recent/ticker-posts

Ad Code

Responsive Advertisement

Ecoloxistas en Acción denuncia a contaminación acarrexada polos 5 megacruceiros recalados ao tempo en Vigo

  • Ecoloxistas en Acción denuncia que a contaminación que acarrexan 5 megacruceiros é igual a que Vigo fora invadido por 30 millóns de coches.
  • A organización ecoloxista considera insostible este tipo de turismo altamente contaminante e incompatible coa declaración do centro da cidade como Zona de Baixas Emisións.

Este 19 de setembro, cinco transatlánticos atracarán no porto de Vigo con 15.000 turistas a bordo. Supón un récord histórico nunca visto na nosa cidade, pero tamén o despregamento a gran escala dun turismo insostible e fortemente agresivo co medio ambiente. As previsións apuntan a que, este año, no porto de Vigo se superarán as 100 escalas e os 250.000 pasaxeiros, desbordando os datos dos últimos anos que mediaban 160.000 pasaxeiros e unhas 75 escalas anuais.

Ecoloxistas en Acción Rías Baixas considera precupante este incremento da actividade de cruceiros por ser incompatible coa protección da saúde e o medio ambiente ao tratarse dun turismo de altas emisións contaminantes (SOx, NOx e Partículas ultrafinas). Tamén por ser unha actividade extractivista polo uso intensivo de recursos naturais como a auga e unha explotación industrial que causa enormes impactos sobre as poboacións destinatarias, así como aos ecosistemas litorais e mariños como os frecuentes alcances a cetáceos.

Cómpre lembrar que o peirao de trasantlánticos atópase situado nunha área que está previsto sexa incluída nunha Zona de Baixas Emisións en cumprimento da Lei de Cambio Climático, polo que esta actividade altamente emisora é incompatible con esta declaración.

Ecoloxista en Acción esixe a declaración do Atlántico Norte como zona ECA de baixas emisións, é dicir, como zona de control de emisións tanto de óxidos de xofre como óxidos de nitróxeno e partículas, tal como se fixo co SOx recentemente co mar Mediterráneo.

“Denunciamos tamén a operación de maquillaxe verde dos cruceiros e os portos con falsas solución tecnolóxicas como o gas natural licuado, o biometano ou o hidróxeno verde, que ademais de ser inviables, terían enormes impactos climáticos, sociais e ecolóxicos”, sinala Xaquín Pastoriza, coordinador do grupo Rías Baixas de Ecoloxistas en Acción.

Expresan, ademais, o seu rexeitamento aos plans de ampliacións de peiraos mediante recheos no mar como os anunciados pola Autoridade Portuaria de Vigo. Así mesmo instan ás administracións autonómicas e locais a situarse ao lado da cidadanía e o interese común, en virtude das súas competencias sobre medio ambiente, saúde e turismo,empregando todos os medios dispoñibles para oporse ás ampliacións portuarias e ao turismo de cruceiros nas nosas cidades.

Non teñen dúbida que o turismo de cruceiros é unha actividade que pon en risco a calidade de vida e a saúde do planeta, que xera enormes desigualdades nun contexto de fonda crise ecosocial e enerxética, que só favorece os catro oligopolios que controlan o mercado global e que acumulan beneficios astronómicos cada ano a costa da evasión fiscal, a saúde, o planeta e a explotación laboral. Asemade, fan un chamamento especial á cidadanía para que tomen conciencia dos impactos do turismo de cruceiros e en xeral do turismo de masas baseado na hipermobilidade.

La entrada Ecoloxistas en Acción denuncia a contaminación acarrexada polos 5 megacruceiros recalados ao tempo en Vigo aparece primero en Ecologistas en Acción.

Enregistrer un commentaire

0 Commentaires