- A redución da mobilidade pola crise da COVID-19 provocou unha mellora xeral sen precedentes da calidade do aire. Con todo, 42 millóns de persoas seguiron respirando aire contaminado durante 2020, no Estado español.
- O informe anual de calidade do aire de Ecoloxistas en Acción conclúe que o 88 % da poboación e o 80 % do territorio estiveron expostos a un aire insalubre.
- No ano máis cálido en España desde 1961, as medidas de loita contra a pandemia paliaron os episodios de mala calidade do aire, agás en Canarias.
- Malia a queda da contaminación, Madrid seguiu incumprindo o límite legal do dióxido de nitróxeno. Outra trintena de zonas pasaron os obxectivos do ozono.
O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza os datos recollidos en 800 estacións oficiais de medición instaladas en todo o Estado español, entre elas as dos principais aeroportos e portos estatais. Presenta datos exhaustivos da calidade do aire, desagregados por comunidades autónomas e por sustancias contaminantes.
Entre as súas principais conclusións, salientan:
-Durante 2020 a calidade do aire mellorou substancialmente en España, cunha redución notábel dos niveis de dióxido de nitróxeno (NO2), dióxido de xofre (SO2) e ozono troposférico, e máis matizada dos de partículas en suspensión (PM10 e PM2,5), nos seus mínimos da última década e seguramente tamén desde que existen medicións, en 1990. O resultado foi unha menor poboación e territorio afectados pola contaminación.
-O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da Unión Europea. Segundo eses niveis, o aire contaminado afectou en 2020 a 42 millóns de persoas no Estado español, o 88 % da súa poboación, así como a 402.000 quilómetros cadrados, o 80 % do territorio.
-Se se toman os estándares da normativa, máis laxos que as recomendacións da OMS, a poboación que respirou aire contaminado por riba dos límites legais foi de 8,5 millóns de persoas, unha quinta parte do total e 4 millóns de persoas afectadas menos con respecto a 2019. E a superficie exposta a niveis de contaminación que danan a vexetación atinxiu 210.000 km2, o 42 % do territorio español e 40.000 km² menos que o ano anterior.
-As baixas precipitacións e a estabilidade atmosférica dos primeiros meses do ano activaron os episodios de contaminación por partículas, na súa maior parte procedentes do norte de África. A primavera en cambio resultou inestábel e húmida, favorecendo a dispersión e deposición dos contaminantes tipicamente invernais (NO2 e partículas). A intensa calor estival non se traduciu nun aumento das concentracións de ozono.
-O factor esencial para explicar a mellora da calidade do aire durante 2020 é a diminución xeral da mobilidade e a actividade económica derivada dos dous estados de alarma declarados para combater a COVID-19, coa dramática situación sanitaria e social que aínda vivimos. O peche da maioría das centrais térmicas de carbón tamén parece contribuír localmente á drástica diminución das emisións.
-A principal fonte de contaminación nas áreas urbanas, onde se concentra a maior parte da poboación, é o tráfico motorizado. En determinadas áreas fabrís e na contorna das grandes centrais termoeléctricas son estas fontes industriais as que condicionan de maneira decisiva a calidade do aire. O transporte aéreo e marítimo ten gran repercusión na calidade do aire da contorna de aeroportos e portos.
-O ozono é o contaminante que presentou un ano máis unha maior extensión e afección á poboación. No entanto, a frecuencia das superacións dos estándares legal e da OMS foi moi inferior á de anos precedentes, cun descenso de respectivamente o 55 % e o 41 % en relación á media das rexistradas no período 2012-2019, no conxunto do Estado, e unha caída drástica nas superacións do limiar de información.
-As partículas (PM10 e PM2,5), o dióxido de nitróxeno (NO2) e o dióxido de xofre (SO2) no aire afectaron a algo máis da metade da poboación do Estado. Malia a queda xeral do NO2 nun 27 % a respecto do nivel medio entre 2012 e 2019, Madrid seguiu incumprindo os límites legais de NO2, polo que o Tribunal Europeo de Xustiza segue instruíndo un proceso contra España, que podería derivar en multas millonarias.
-As partículas pola contra medraron nalgunhas comunidades, debido á maior frecuencia dos episodios de intrusión de po africano, nomeadamente durante o primeiro trimestre do ano. Canarias rexistrou por este motivo o peor episodio de contaminación da última década, durante xaneiro e febreiro, sen intervención algunha por parte das administracións. Non foi até a súa finalización que a poboación canaria foi confinada, debido á COVID-19.
-A contaminación do aire debería abordarse como un problema de primeira orde. Cada ano rexístranse até 30.000 mortes prematuras no Estado español por afeccións derivadas da contaminación do aire, segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA). Segundo o Instituto de Saúde Carlos III, 10.000 delas falecen en episodios de alta contaminación. A mellora da situación en 2020 é neste sentido unha excelente noticia.
-Os custos sanitarios derivados da contaminación atmosférica representan polo menos 50.000 millóns de dólares ao ano, un 3,5 % do PIB español, segundo o Banco Mundial, sen considerar o custo dos danos provocados sobre os cultivos e os ecosistemas naturais.
-Os Plans de Mellora da Calidade do Aire son obrigatorios segundo a lexislación vixente. Mais, en moitos casos non existen, e noutros non son efectivos por falta de vontade política. Unha decena de Comunidades Autónomas seguen a incumprir a súa obriga de elaboraren plans de loita contra o ozono nas zonas onde se exceden os obxectivos legais. O Tribunal Supremo puxo de manifesto en 2020 esta neglixencia administrativa.
-O único xeito de mellorar a calidade do aire nas cidades é diminuír o tráfico motorizado, potenciando o tránsito peonil, a bicicleta e o transporte público limpo. Tamén cómpre promover o aforro enerxético, adoptar as mellores técnicas industriais dispoñíbeis, pechar as centrais térmicas de combustíbeis fósiles, penalizar o diésel, reducir o uso do avión e declarar sen dilacións unha área de control das emisións do transporte marítimo no Mediterráneo, como as existentes no Mar Báltico e o Mar do Norte.
-A crise da COVID-19 demostrou que a redución estrutural do transporte e a descarbonización da industria son as únicas ferramentas para mellorarmos a calidade do aire que respiramos, nas cidades e nas zonas rurais. A dramática situación xerada pola pandemia confirma que a baixada das emisións urbanas mellora a saúde pública e a vida cidadá. Ecoloxistas en Acción está a desenvolver en España a campaña europea “Clean cities” para reclamar ás administracións medidas neste sentido.
La entrada A contaminación atmosférica cae aos seus niveis máis baixos da última década aparece primero en Ecologistas en Acción.
0 Commentaires