- Ecoloxistas en Acción denuncia que a Cámara Oficial Mineira e o colexio de enxeñería técnica de minas, co patrocinio da Xunta, usan un pretenso discurso feminista para amparar as súas desfeitas ambientais.
- A organización ecoloxista sinala que participan do evento empresas responsábeis polas polémicas minas de Touro, San Finx, Varilongo ou Penouta, todas elas sancionadas por infraccións ambientais.
Este mes de xuño o lobby mineiro organizará na Cidade da Cultura o «Simposio Mujer y Minería», un evento por todo o alto patrocinado pola Xunta de Galicia e no que os almorzos, aperitivos e ceas-cóctel corren a conta de Cobre San Rafael, Strategic Minerals e ERIMSA, todas elas empresas que veñen de ser sancionadas en múltiples ocasións por vulneracións ambientais.
Por iso, desde Ecoloxistas en Acción critican o «vergoñento exercicio de purplewashing, ou lavado de cara lila, do lobby mineiro que se pretende usar un discurso pretendidamente feminista para amparar a destrución ambiental». De feito, no programa aparecen, xunto cos cargos da Xunta, representantes de varias empresas mineiras implicadas en procesos xudiciais ou sancionadores por infraccións contra o ambiente.
De Rafaella Resources, empresa australiana das polémicas minas de San Finx e Santa Comba, que acumulan máis de media ducia de procesos xudiciais, intervirán Susana García Sánchez e Ana Monteserín Losas, mentres que por Strategic Minerals, a empresa canadense que leva acumulados tres expedientes sancionadores da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola súa actividade na Penouta, intervirá Elena Terreón García.
Outras empresas, como Cobre San Rafael, responsábel polo fracasado proxecto de reapertura da mina de Touro, tiveron que limitarse a participar co seu patrocinio, ao teren un cadro de persoal totalmente masculinizado, evidenciando o espectáculo vergoñento que supoñen este tipo de eventos.
Desde Ecoloxistas en Acción reivindican a crítica ecofeminista ao extractivismo, sinalando a íntima relación entre a degradación da natureza e opresión patriarcal, ao consideraren que unhas vidas valen máis do que outras e que non teñen reparos en someter con violencia todo o que pretenda por límites á maximización do beneficio.
La entrada Denuncian a tentativa de ‘lavado de cara lila’ do lobby mineiro aparece primero en Ecologistas en Acción.
0 Commentaires