- Ecoloxistas en Acción e máis de 50 organizacións de persoas afectadas por enfermidades crónicas ambientais e/ou de afectación ao sistema nervioso central e inmunolóxico, xunto a asociacións veciñais e de consumidores de diferentes zonas do estado, denuncian a “barra libre” ás teleoperadoras para o despregamento do 5G e o seu Internet das cousas.
- Sinalan que a nova Lei Xeral de Telecomunicacións vulnera dereitos ambientais, de saúde e privacidade consagrados na Constitución, as competencias autonómicas e municipais relacionadas, así como a participación cidadá e a transparencia.
- Ecoloxistas en Acción, realizou neste mes de xullo unha recollida de sinaturas a favor da Iniciativa Cidadá Europea STOP 5G na Fería Vegana de Vigo e organizou un acto informativo sobre o 5G e as súas alternativas en Lugo o sábado 16.
Para as organizacións sociais e ambientais, a Lei Xeral de Telecomunicacións do 28 de xuño non atende ás centenares de alegacións proteccionistas presentadas:
Ignora o principio de precaución e a avaliación ambiental do 5G solicitada polo ditame do Valedor do Pobo a nivel estatal. Non aplica a normativa de avaliación ambiental vixente nin as recomendacións da Resolución 1815 da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, tomando “tódalas medidas razoábeis para reducir a exposición aos campos electromagnéticos”. Ignora as conclusións e recomendacións do estudo do Panel STOA do Parlamento Europeo, que cuestiona os límites de exposición a radiofrecuencias nos que se basea a lei e solicita establecer unha moratoria do despregamento do 5G, así como reducir a exposición ás radiofrecuencias.
Ignora e non avalía o aumento progresivo do consumo enerxético das redes, onde o 5G, suporía un “forte impacto” na pegada de carbono e na afectación climática, segundo alerta o Alto Consello polo Clima (HCC, Francia 2020), así como a ‘Comisión Iberoamericana de Protección Radiolóxica de Campos Electromagnéticos’ (CIPRACEM, 2021), que aconsella ás autoridades apostar por internet por cable con redes de fibra óptica, “moi superiores ás sen fíos en velocidade, seguridade e costo”.
Incumpre os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia medioambiental. Liberaliza e desregula as telecomunicacións: impide exixirlles autorización previa, fomenta a opacidade do proxecto, e impide coñecer a localización das antenas 5G ou o “punto de acceso sen fíos para pequenas áreas”.
Non atende ao principio de transparencia nin aos conflitos de interese, contemplados na Lei Xeral de Saúde Pública. Permite seguir avalando informes de organizacións lobistas como o ‘Comité Científico Asesor en Radiofrecuencias y Salud’ (CCARS), do ‘Colexio Oficial de Ingenieros de Telecomunicación’ (COIT) o da ICNIRP, cuestionados por conflitos de interese en ámbitos científicos, sociais e do Parlamento Europeo.
Elimina competencias autonómicas e municipais. Impídelles expresamente a aplicar as recomendacións da Resolución 1815 da Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa, incumprida polo Estado español. Incapacita, neste eido, á aplicación do disposto no Título VIII da Constitución, a Carta Europea de Autonomía Local e a normativa básica de réxime local, onde os municipios dispoñen de competencias propias (urbanismo, saúde e medio ambiente), así como, entre outras, as de vixilancia sanitaria recoñecidas na Lei Xeral de Saúde Pública.
A nova lei non atende ao coñecemento actual nin ás estimacións futuras dos impactos do uso innecesario das novas tecnoloxías e as “pantallas”, especialmente na poboación infantil e xuvenil. Non inclúe pautas para un uso responsábel, seguro e sobrio.
Accións coordinadas no todo o Estado:
Ecoloxistas en Acción sumouse no mes de xullo, dende Galiza, aos actos realizados en 17 localidades de todo o estado, recollendo sinaturas a favor da Iniciativa Cidadá Europea STOP 5G na Fería vegana de Vigo e impulsando debates como no acto informativo desenvolvido en Lugo este sábado 16, a favor de mocións municipais por unha moratoria do 5G, como a aprobada por unanimidade o 1 de xuño en Hoyos (Cuenca). Estas accións van encamiñadas a regular unha limitación da exposición ás radiacións en base ao principio de precaución; protexer o ambiente da hiperdixitalización sen fíos (enerxívora, implicada no quentamento global e no extractivismo mineiro); así como garantir a privacidade e frear as estratexias de control social.
La entrada Desprotección legal da cidadanía ante o despregamento do 5G aparece primero en Ecologistas en Acción.
0 Commentaires