- O 11 de maio entran en vigor os novos límites de velocidade nas cidades, marcados pola reforma do Regulamento de Circulación de Tráfico. As rúas cun único carril por cada sentido, que son o 80 % das rúas dos núcleos urbanos, verán reducida a súa velocidade, por fin, a 30 km/ h.
- Ecoloxistas en Acción celebra a medida, reivindicada desde hai décadas polas organizacións ambientais, e demanda aos concellos que poñan en marcha dispositivos eficaces para garantir o seu cumprimento.
A partir do 11 de maio, circular por unha rúa cun único carril por cada sentido a máis de 60 km/h supoñerá un delito contemplado no código penal. Reducir a velocidade nas rúas das cidades é unha medida longamente demandada por Ecoloxistas en Acción, e será unha realidade para partir do 11 de maio. A maior parte das vías urbanas galegas pasarán a ter limitada a súa velocidade a 30 km/h. Polas rúas con plataforma única non se poderá circular a máis de 20 km/h.
«Esta medida de calmado de tráfico é imprescindible, pero ten que vir acompañada da creación de Zonas de Baixas Emisións dentro de Vigo, como sería a peonalización sen túnel do entorno da Porta do Sol» -aclara Xaquín Pastoriza, voceiro de Ecoloxistas en Acción de Vigo.
«As rúas para quen as camiña. Agora que con esta medida se pacificara o tráfico é o momento de que a cidade da Coruña desplegue unha rede de carrís bici para fomentar a mobilidade sen fumes» – sinala Sabela Pérez, voceira de Ecoloxistas en Acción de A Coruña.
«A adhesión en 2015 á Rede de Cidades que Camiñan fixo á cidade de Ourense avanzar na creación de zonas de velocidade limitada «Cidade-30″, aparcamentos disuasorios, a renovación do transporte colectivo ou melloras para a mobilidade en bicicleta» – lembra Montse Valencia, voceira de Ecoloxistas en Acción de Ourense- «Agora celebramos esta medida como un paso máis dos moitos que nos restan por dar para a consecución dun municipio que camiña libre de fumes».
Esta medida é unha boa noticia para a calidade do aire nas cidades. A contaminación do aire causa 16.000 mortes prematuras ao ano no noso país. Reducir a velocidade implica reducir tamén o ruído e, por suposto, reducir o risco de atropelos mortais. Tal e como indica o preámbulo do Real Decreto 970/2020, que entra en vigor o 11 de maio, “diferentes estudos coinciden en que o risco de falecer como consecuencia dun atropelo redúcese como mínimo cinco veces se a velocidade do vehículo que impacta é de 30 km/h respecto a un que circule a 50 km/ h. A velocidade do vehículo ten unha relación directa coas probabilidades de supervivencia do peón atropelado”.
“A redución da velocidade é un paso importante, pero necesitamos outros moitos pasos nun proceso que está a xerar numerosos debates en todos os ámbitos territoriais e institucionais ao redor de temas relacionados coa mobilidade, sobre o tren e solucións intermodais, peonalizacións e carrís bicis, pacificación de contornas escolares, contaminación por tráfico e cambio climático” –expón Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción de Galiza.
Un proceso no marco da indispensable resposta á emerxencia climática, pois a mobilidade e transporte representa un sector estratéxico no proceso de transición ecolóxica e social. Os acordos internacionais, a pesar do insuficiente dos mesmos, obrigan progresivamente a novos modelos de transporte, mobilidade e a unha nova concepción de territorio e espazos urbanos, para que sexan máis equilibrados, humanos e sostibles, e contribúan ao arrefriado do planeta.
Cada vez é máis evidente que as nosas decisións locais repercuten non só no aire que respiramos cotidianamente ou o ruído que soportamos, senón tamén no quecemento global; respecto diso xa existen os acordos e compromisos municipais pero menos respostas concretas, e en moitos casos contraditorias mesmo coas necesidades máis urxentes de saúde pública, preocupación que se recolle na formulación central da próxima Semana Europea da Mobilidade co lema de “pola túa saúde, móveche de forma sostible”.
La entrada A redución do límite de velocidade nas vías urbanas servirá para reducir accidentes aparece primero en Ecologistas en Acción.
0 Commentaires